Tuesday 19 de March de 2024

A Pobra conmemora o 11 de febreiro coa oitava edición das Xornadas Muller e Ciencia


Co gallo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia que se conmemora no 11 de febreiro, A Pobra do Caramiñal mergullarase na oitava edición das Xornadas Muller e Ciencia. Neste ano contará coa participación de expertas no ámbito das matemáticas, a enxeñaría agrónoma e a medicina. A concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra), e a axente de igualdade, Carolina Rodríguez, sinalan que se busca “pór en valor e visibiliza-lo traballo científico e de investigación realizado polas mulleres.”

Os coloquios impartiranse a partir das 17.00 horas no Auditorio do Museo Valle-Inclán. O primeiro simposio será A saúde das mulleres, maltratada polas violencias de xénero institucionais, que correrá a cargo de Lola Ferreiro, feminista e doutora en Medicina, cunha ampla experiencia no eido da investigación sobre a saúde mental dende unha perspectiva de xénero e participante en numerosas palestras sobre saúde, violencia de xénero e memoria das mulleres.

Deseguido, a matemática de formación, investigadora e actual responsable de Dixitalización en Reganosa, Rocío Vega, ofrecerá Unhas ecuacións que nos baixan os fumes, que se centrará nas ferramentas dixitais que axuden a mellora-la eficiencia enerxética e avanzar cara á descarbonización.

Finalmente, a enxeñeira agrónoma Begoña de Bernardo falará da autosuficiencia e a resiliencia en Crises e espolios. Unha mirada desde o ecofeminismo. A relatora é tamén activista e divulgadora, presidenta da asociación Véspera de Nada e membro da Rede para o Decrecemento.

A entrada é libre ata completa-la cabida. A maiores, co obxectivo de favorece-la asistencia das persoas interesadas, organízase paralelamente un espazo de conciliación para crianzas de entre 3 e 12 anos. Habilitarase na aula de estudo situada na planta superior da biblioteca municipal e estará atendido por monitorado. Trátase dun servizo de balde que require a inscrición previa no teléfono de contacto 981832764, marcando a extensión 6, ou achegándose ata as dependencias dos Servizos Sociais e da Igualdade, fronte á casa consistorial.